A avaliación vén considerándose como o proceso sistémico de observación, medida, análise e
interpretación encamiñado ao coñecemento dunha intervención pública, sexa esta unha norma,
programa, plan ou política, para acadar un xuízo valorativo baseado en evidencias, respecto do seu
deseño, posta en práctica, efectos, resultados e impactos. A finalidade da avaliación é ser útil
aos decisores e xestores públicos e á cidadanía.
Aceptando a diversidade de pensamentos e correntes existentes es en esquecer o fin último da
avaliación que é a súa utilidade social, considéranse especialmente os seguintes referentes para a
avaliación de políticas públicas:
- A avaliación é unha actividade específica e con identidade propia, claramente diferenciada
doutras como o control interno, a auditoría financeira, a auditoría de xestión ou o control
orzamentario, pero coas que mantén unha estreita relación de complementariedade.
- A Axencia concibe a avaliación como unha actividade institucional, enmarcada dentro dun
proxecto político de gobernanza, modernización e innovación administrativa.
- A avaliación incorpora un xuízo valorativo baseado en evidencias e criterios referenciais, e
que non cabería substituír por unha simple descrición ou medición.
- A avaliación emprega ferramentas das ciencias sociais (cuantitativas e cualitativas) e técnicas
da xerencia pública. Aplica de maneira sistemática un método rigoroso de tratamento da información,
co fin de chegar ao maior coñecemento da realidade que examina.
- A avaliación pode referirse tanto ao deseño como á aplicación, desenvolvemento e finalización
dunha intervención pública. Trata de obter un aprendizaxe e coñecemento integral da intervención
pública que analiza.
- Atenderá ás vertentes de utilidade político-democrática (responsabilidade e transparencia
gobernamental), estratéxica e de xerencia (mellora da toma de decisións e da xestión).
- Promóvese a súa utilización como ferramenta estratéxica e prospectiva e non só operativa e
retrospectiva como en ocasións se veu considerando no pasado.
- A avaliación concíbese de modo pluralista, arbitrando mecanismos para incorporar as percepcións
e valoracións dos actores clave.
- A súa finalidade última será mellorar o servizo á sociedade cunha maior eficacia do sector
público e o perfeccionamento da calidade democrática.